CRTVG

Buscar

España comprou 50.000 tests defectuosos á China

Publicado o 27/03/2020 11:22

Os tests defectuosos que España lle comprou á China non foron 9.000, senón 50.000, segundo avanzou a Cadena Ser.

O Ministerio de Sanidade asegura que non existía alerta da Axencia do Medicamento europeo nin español sobre a empresa chinesa á que lle compraron o lote de tests rápidos defectuosos e que agora devolveron. O ministro Salvador Illa afirmou que tiñan selo da Unión Europea e que non chegaron a usarse en pacientes. O Partido Popular pide explicacións.


Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias, explica que "estas validacións mostráronnos que as especificacións deste test, polo menos deste lote que nos foi enviado, non corresponden ao que viña nos certificados de calidade con marcado CE. Obviamente, isto obrigou a devolver os lotes".

A embaixada da China en España explicou a través de Twitter que a empresa vendedora, Bioeasy Technology, non está na súa lista de provedores autorizados e que carece de licenza para vender estes tests. O PP pide explicacións.

Cuca Gamarra, do PP, lamenta que "o ministerio di que se van devolver, pero esa non é a contestación que teñen que recibir hoxe os españois. Necesitan unha explicación. Necesitan confianza no sistema, confianza no Goberno de España".

Salvador Illa, ministro de Sanidade, responde: "Ninguén se referiu a que o mercado está desbordado. Ninguén di que todo o mundo quere comprar produtos que se fabrican en cantidade inferior á que demandan todos os países e que o mercado está completamente tolo".

Os tests rápidos ofrecen un diagnóstico en 15 minutos e descargarán de presión os laboratorios saturados polos PCR, outras probas máis seguras pero que tardan catro horas. O Goberno explicou que xa conseguiu outros provedores dos que espera recibir cinco millóns destes tests nos vindeiros días.

Noticias web

27/03/2020

Máis sobre actualidade