CRTVG

Buscar

España destruíu 622.600 no ano da pandemia, 15.000 en Galicia

Publicado o 28/01/2021 23:19

A economía española, coa pegada da covid-19, destruíu 662.000 empregos en 2020 cunha taxa de paro que sobe ata o 16,1 por cento. Aumenta en medio millón o número de persoas desempregadas e xa afecta 3,7 millóns de traballadores conforme a EPA.

O ano da covid-19 rompe unha serie de crecemento do emprego que comezou en 2013. A EPA reflicte que a taxa de paro se eleva ata o 16,1 % ao afectar 527.000 traballadores máis que o ano anterior. É o maior incremento do desemprego desde 2012, ao acumular 3,72 millóns de parados.

2019 pechou cun nivel de emprego próximo aos 20 millóns de ocupados e unha taxa de paro do 13,8 por cento, mentres que 12 meses despois queda en 19,31 millóns (incluídos os traballadores en ERTE).

A creación de emprego na segunda metade do ano en toda España permitiu recuperar o 55 % de todo o que se destruíu na primeira metade.

En canto aos datos de Galicia, a EPA establece que ao pecharse o ano 2020, os ocupados eran 1.080.900 e os parados 142.600, o que dá unha taxa de paro do 11.66 por cento, catro puntos e medio inferior á media española. 

Así as cousas, a destrución de postos de traballo en Galicía sitúase en 15.000, unha caída do 1,37 por cento, fronte á do 3,12 do conxunto do Estado.

Dáse a cirunstancia que Galicia pecha o ano con 3.200 desempregados menos, segundo a EPA, a pesar desa destrución de empregos, debido á caída da poboación activa. Só hai tres comunidades onde baixou o paro o ano pasado. Galicia, Estremadura e Murcia.