CRTVG

Buscar

España despídese do Mundial despois de caer cos EUA por dous penaltis

Publicado o 24/06/2019 21:42

A selección soubo plantarlles cara ás campioas do mundo, pero foi insuficiente. 1-2 no marcador. As de Vilda despídense da cita mundialista. Arrancaron con forza as estadounidenses que aos oito minutos do partido xa ían por diante no marcador. Gol dende os once metros asinado por Rapinoe tras o penalti cometido por Mapi León. 

A selección non tardou en reaccionar. Jenni Hermoso aproveitaba un mal pase da gardameta americana para facer o tanto do empate. O primeiro que as estadounidenses encaixan en Francia.
Esta acción entre Virginia e Lavelle acabaría provocando o segundo da selección estadounidense. Unha acción que precisou da intervención do VAR. A árbitro sinalou penalti. E volveu marcar Rapinoe. A selección despídese do mundial con honor e orgullosa: 

"Penso que hoxe demos un paso moi importante no noso fútbol feminino a nivel cualitativo. E un paso que vai dar tamén de todo o que aconteceu neste mundial a nivel cuantitativo. Seguro que a partir deste verán hai moitas máis nenas que van xogar a fútbol feminino", asegura Jorge Vilda, o seleccionador.

Vicky Losada sostén que "competimos sobre todo amosamos esa parte de afouteza que a xente sempre dicía que nós non tiñamos. Eu creo que España ten moito que dicir nos vindeiros anos e eu estou superorgullosa".

Unha sensación que comparte con Marta Corredera: "Orgullosa das miñas compañeiras, do corpo técnico, de todos os que formamos este grupo impresionante porque o demos todo tanto dentro coma fóra do campo para facermos isto posible e eu creo que vai marcar un antes e un despois no fútbol feminino".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/06/2019