CRTVG

Buscar

España defenderá un fondo de 1,5 billóns de euros nun cumio de líderes da UE moi dividido

Publicado o 22/04/2020 19:19
España defenderá un fondo de 1,5 billóns de euros nun cumio de líderes da UE moi dividido

Os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea encaran o debate sobre como levantar a economía do continente tras a pandemia divididos sobre canto custará e como se financiará esta tarefa, polo que non se espera que do seu cume telemático deste xoves salga un plan concreto para iso. 

Os ministros de Economía europeos acordaron hai dúas semanas un paquete de medidas por valor de 540.000 millóns de euros para apoiar empresas, traballadores e estados nas súas necesidades máis urxentes, así como traballar nun fondo de recuperación para relanzar a economía unha vez pase a emerxencia sanitaria. 

Con todo, deixaron en mans dos líderes comunitarios a decisión sobre canto diñeiro necesitaría este fondo, de onde sairá e como se distribuirá entre os países, cuestións que se poñerán mañá sobre a mesa e que están lonxe de suscitar consenso entre os Vinte e Sete. 

Non se prevé que os xefes de Estado e Goberno pechen neste cumio estes detalles, pero si que dean directrices para que a Comisión Europea poida elaborar unha proposta para establecer este fondo, así como expor un novo orzamento plurianual para 2021-2027 que teña en conta as necesidades xeradas polo coronavirus. 

O novo marco financeiro plurianual (MFP), que a Comisión presentará a semana que vén, e este fondo serían así os alicerces financeiros para a recuperación.  

Proposta española

En vésperas do cume, o Goberno español propuxo un fondo de recuperación que conte con entre un billón e un billón e medio de euros, que se financie coa emisión de débeda perpetua apoiada pola UE e logo distribúa o diñeiro en forma de subvencións -non préstamos- aos países e sectores máis afectados. 

España, Francia e Italia encabezan a reclamación de que se emita débeda común para financiar a recuperación, unha opción que rexeitan de plano Alemaña, Holanda ou Austria, entre outros. 

Fontes europeas recoñecen que a proposta española é "interesante" porque se centra en que a recuperación sexa simétrica entre países e en apoiar a sectores estratéxicos, puntos nos que "hai consenso", pero recoñecen que o concepto de débeda perpetua "é difícil de tragar para algúns estados membros"

Ademais, á hora de conceder as axudas, "a maioría" de países cre que o fondo debería dar préstamos e non subvencións, segundo a mesma fonte. "Non creo que se vaia atopar un consenso sobre a débeda perpetua, pero a idea de dar préstamos a longo prazo ten unha boa oportunidade", apunta. 

O primeiro paso, con todo, sería decidir a que se quere destinar o diñeiro do fondo e, a partir de aí, canto sería necesario.  

As medidas concretas non chegarán ata os meses estivais

Tras o cume haberá que esperar a coñecer as propostas da Comisión Europea, co que as medidas concretas poderían chegar só en "xuño ou xullo", segundo un alto cargo europeo.

O acordo sobre o próximo orzamento podería deixarse mesmo para despois do verán, en función de como avance o desconfinamiento. 

Os líderes si deberían dar luz verde definitiva ao paquete de medidas, adoptado polo  Eurogrupo, para que poidan entrar en vigor a principios de xuño.