CRTVG

Buscar

España dá por rematada a misión en Afganistán tras evacuar 2.200 persoas

Publicado o 27/08/2021 09:06

• Nos últimos dous voos viaxan os 81 españois que quedaban no país

• Aterra en Rota o primeiro voo estadounidense con 400 afgáns evacuados

EFE

España deu por finalizada a misión de evacuación de afgáns coa chegada á primeira hora da mañá a Dubai de dous avións procedentes de Cabul en que viaxaban os últimos 81 españois que permanecían en Afganistán, entre militares e persoal da embaixada.

Dentro dese persoal viaxan tamén os vinte policías nacionais que estaban despregados en Cabul: trece dos Grupos de Operacións Especiais (GEO) e sete das Unidades de Intervención Policial (UIP). En total, as Forzas Armadas españolas evacuaron a 1.900 cooperantes afgáns e familiares, de España e doutros países, como Estados Unidos ou Portugal, da Unión Europea, da ONU, da OTAN e o persoal da embaixada española en Cabul, informou o un comunicado o Goberno.

A chegada á base aérea de Torrexón de Ardoz (Madrid) está prevista arredor das 16:45 horas deste venres. Segundo o comunicado do Goberno, o primeiro avión A400 M aterrou en Dubai ás 6:45 horas e o segundo, ás 7:20 horas. Con estes dous voos conclúe a evacuación española de cooperantes do noso país e de colaboradores afgáns e os seus familiares.

Nestes últimos voos dos A400 M de Cabul a Dubai viaxaron 81 españois que aínda permanecían en Afganistán, entre persoal da embaixada e militares do Exército de Terra e do Exército do Aire, 4 militares portugueses e 85 colaboradores afgáns de España, Portugal e da OTAN. Desde alí, posteriormente, nun voo de Air Europa, chegarán á base de Torrexón sobre as 16:45 horas. Nese voo virá o persoal dependente da embaixada, o persoal militar non de voo e o resto de cooperantes afgáns.

As dotacións dos avións, é dicir, o persoal do A-31 do Exército de Aire, e probablemente algúns do Escuadrón de Apoio ao Despegamento Aéreo (EADA), descansarán un día en Dubai e regresarán a Zaragoza o domingo 29 nos tres avións A400 M despregados polas Forzas Armadas na operación de evacuación. 

Sánchez: "Misión cumprida"

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, proclamou o "orgullo de país" pola "misión cumprida" en Afganistán e agradeceu o labor dos servidores públicos españois ao arriscar a súa vida para traer "á maior cantidade posible de homes e sobre todo de mulleres e nenas "sans e salvos".

Sánchez fixo esta aseveración no Palacio da Moncloa, na súa primeira comparecencia pública despois de que España finalizase a misión de evacuación en Afganistán, tras evacuar a 2.206 cooperantes afgáns e os seus familiares, de España e outros países. 

O xefe do Executivo asegurou que España traballará "de maneira discreta" e pensa xa en como "seguir sacando" os colaboradores afgáns e as súas familias aos que "desgraciadamente" non se puido evacuar. Sánchez, que non aclarou se o Executivo está a negociar cos talibán, sinalou que non manexan unha cifra concreta do número de colaboradores afgáns que non puideron abandonar o país asiático, pero recalcou: "O Goberno de España non se vai a desentender".

O 47 % das persoas chegadas a España son mulleres e o 40 %, menores. Ademais, das 2.206 persoas evacuadas, 1.671 son do continxente de España, 333 do Servizo Europeo de Acción Exterior, 131 dos Estados Unidos, 50 da OTAN e 21 de Portugal, detallou o xefe do Executivo.

O Goberno prevé que a basee área de Torrejón siga en funcionamento durante unha semana, un período no que os afgáns serán traslados a recursos de acollida en España ou a outros países europeos. Ademais, Sánchez negou que o dobre atentado nas inmediacións do aeroporto de Cabul acelerase os plans para poñer fin ao dispositivo.

Sánchez indicou así mesmo que durante os próximos 15 días seguirán chegando colaboradores afgáns dos Estados Unidos, ao redor de 4.000 persoas, ás bases de Rota e Morón. 

Dende a oposición, o líder do PP felicitou os militares e diplomáticos. E reiteran que Pedro Sánchez debería comparecer no Congreso para explicar a estratexia de España. O Goberno remite á comparecencia do ministro de Exteriores a próxima semana para dar máis detalles da operación.

"Fáiseme moi difícil de entender por que se critica un operativo que foi cualificado como un éxito por parte da comunidade internacional, os aliados, a Unión Europea e a OTAN", apuntou Sánchez.

O presidente do Goberno cualificou de "fracaso" a retirada de Afganistán despois de 20 anos de presenza internacional, aínda que reivindicou a "semente de liberdade" sementada no país polas Forzas Armadas e cooperantes españois durante os últimos 20 anos. España, dixo, sempre tivo "moitas dúbidas" sobre o plan de retirada de Trump e que Biden mantivo. 

O rei e Sánchez visitarán o centro de acollida de afgáns en Torrexón.

 

 

 

Noticias web

27/08/2021