CRTVG

Buscar

España, a piques de entrar no risco medio de transmisión da covid−19

Publicado o 08/09/2021 17:58
EUROPA PRESS

O Ministerio de Sanidade rexistrou este mércores, con datos achegados polas comunidades autónomas, 5.618 novos casos de coronavirus, dos que 2.311 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 2.741 rexistrados o martes, o que eleva a 4.898.258 a cifra total de persoas contaxiadas de covid−19 desde o inicio da pandemia.   

Respecto á incidencia media actual de contaxios en España nos últimos 14 días, o informe mostra que segue reducíndose; sitúase nos 150,37 casos por cada 100.000 habitantes, en comparación cos 160,73 notificados o martes polo departamento dirixido por Carolina Darias. 

Canto aos falecidos por covid−19, notificáronse 81 na xornada de hoxe. Na última semana faleceron 293 persoas. Isto fai que a cifra global de decesos por coronavirus en España se eleve ás 85.147 persoas.

Actualmente hai 5.344 pacientes ingresados por covid−19 en toda España, 240 menos que este martes, e rexístranse 1.313 en UCI (36 menos). Nas últimas 24 horas producíronse 453 ingresos e 698 altas.

A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 4,51 por cento e nas UCI no 14,36 por cento, en ambos os casos os datos melloran con respecto aos datos dados este martes.   

Noticias web

08/09/2021