CRTVG

Buscar

España augura un acordo moi bo para os seus intereses aínda que baixen as axudas

Publicado o 20/07/2020 18:45
España augura un acordo moi bo para os seus intereses aínda que baixen as axudas


España está convencida de que o acordo que saia para o fondo de recuperación europeo acabará sendo moi bo para os seus intereses porque o país seguirá recibindo unha importante inxección para recuperarse a pesar da xa inevitable baixada das axudas directas. Así o entenden na delegación española nesta cuarta xornada de negociacións en que hai un maior optimismo que onte sobre a posibilidade de conseguir o consenso dos Vinte e sete para sacar adiante o fondo.

O presidente do Consello, Charles Michel, que onte insistía -do mesmo xeito que a Comisión, Alemaña, Francia e outros aliados de España- en que a partida de axudas a fondo perdido non podía baixar dos 400.000 millóns de euros hoxe puxo sobre a mesa unha cantidade inferior, de 390.000 millóns. Esta importante baixada -desde os 500.000 millóns para axudas directas cos que partía a proposta inicial do fondo- non supón un fracaso para a delegación española, porque entenden que lle seguirá correspondendo unha importante inxección.

Non queren aínda detallar canto lle correspondería a España, entre subvencións e préstamos do total do fondo -que se o acordo sae adiante sería finalmente de 700.000 millóns-, e en canto baixaría con respecto aos 140.446 millóns que recibiría o país se se aprobase o montante inicial. 

Noticias web

20/07/2020