CRTVG

Buscar

España achégase ao risco medio e Estremadura consegue baixar dos 50 casos

Publicado o 04/03/2021 19:25

Os contaxios de coronavirus seguen en descenso e con seis puntos menos que onte a incidencia media sitúase en España nos 153 casos en 14 días, moi preto do risco medio de transmisión do virus (por baixo dos 150 casos).

A maioría das comunidades están xa case en niveis de risco medio, excepto Ceuta, Melilla e Madrid que continúan en "extremo" por encima de 250 casos cada 100.000 habitantes en 14 días. 

Pola súa banda, Estremadura, con menos de 50 casos (49,45), está xa no obxectivo fixado por Sanidade para a "nova normalidade". Con estas cifras, a Junta decidiu flexibilizar as medidas restritivas contra a pandemia e adiantar a mañá o novo toque de queda entre as 23:00 a 6:00 horas, en lugar da o sábado, como se anunciou. Ademais amplíase a ocupación nas terrazas ao 75 por cento, ademais de permitir seis clientes por mesa, dúas máis que antes, e sobe o aforo no comercio ao 40 por cento, nos lugares de culto ao 50, do mesmo xeito que nos recintos taurinos, e os cinemas, teatros ou auditorios ao aire libre poderán acoller a un máximo de 200 persoas.

Segundo informou este xoves o Ministerio de Sanidade, tamén se volveu a reducir, aínda que moi lixeiramente, a presión nas UCI ata o 25,4 % e este xoves hai ingresados 10.200 enfermos de covid (978 menos que onte) nos hospitais, o que supón unha ocupación do 8,1 %.

A cifra total de falecidos elévase a 70.501, xa que as comunidades comunicaron a Sanidade 254 mortes nas últimas 24 horas e 681 na última semana (o que supón un descenso respecto aos 875 decesos reportados o pasado mércores para o mesmo período). 

Simón prevé tres días de descenso

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, volveu destacar a desigual e "mínima" baixada da transmisión por comunidades, con oito nas que se rexistran descensos suaves, nove "dubidosas" que non se sabe se se estancarán e dúas nas que está "claramente estancado". 

"Non é fácil valorar a longo prazo" a evolución da pandemia, dixo Simón en conferencia de prensa, quen advertiu de que o impacto da transmisión non se reflicte nas ucis, onde hai unha alta ocupación, que descende moi amodo.

Simón explicou que "a relaxación das restricións debeu de ter un impacto neste suavizado descenso", pero non o puido cuantificar e augurou que a diminución de contaxios continuará nos próximos dous ou tres días, pero logo se estancará. 

Segundo o experto, unha de cada catro camas 4 de ucis está ocupada con enfermos de covid, "o que suma unha carga enorme, especialmente porque as enfermidades infecciosas "supoñen máis traballo que outras". 

Con todo, destacou que a mellora na hospitalización evoluciona máis rápido e pódese esperar que o número de novos ingresos en  ucis "non sexa moito", aínda que incidiu en que se observou un incremento da duración das estancias nas  ucis, o que, dixo, "non ten porque ser un indicador malo, pero dificulta a ocupación". 

Destacou que o número de falecidos está por baixo do milleiro nunha semana desde fai dez días e a letalidade leva catro semanas en descenso

En relación cos brotes, o experto subliñou o descenso "moi marcado" nos centros sociosanitarios, con só oito notificados no informe da última semana. Unha situación similar á dos centros educativos, que, segundo Simón, só teñen un 0,6 % das aulas en corentena fronte ao 1 % de hai unha semana e o 99,4% están en funcionamento.

Incidencia por comunidades

Por encima do risco extremo de 250 casos por cada 100.00 habitantes en 14 días seguen Melilla (379), Ceuta (278) e Madrid (253). No outro extremo, a comunidade con menos incidencia de  contaxios é Estremadura, con 49,5 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, seguida de Baleares, con 64,4 casos, A Rioxa, con 71,3, e Comunidade Valenciana, con 83 casos.  

Evolución da mortalidade

Dos 681 decesos reportados nos últimos sete días, Andalucía, con 127; Madrid, con 106; Castela e León, con 66; a Comunidade Valenciana, con 56, e Galicia, con 48, son as comunidades que rexistraron maior número de falecementos. 

Presión hospitalaria

Hai seis comunidades por encima da media nacional de presión nos coidados intensivos e Madrid sitúase no primeiro posto en ocupación de ucis, cun 39,9 % das camas; seguida de Cataluña, co 37 %; Ceuta, co 35,2 %; Castela e León, cun 33,3 %; %, e Asturias e Aragón, co 30,9 %. Nas últimas 24 horas volveu haber máis altas que ingresos nos hospitais por  covid, con 1.280 fronte a 899. 

Probas diagnósticas

Entre o 22 e o 28 de febreiro realizáronse un total de 800.025 probas diagnósticas, que lanzaron un 6,3 %, practicamente igual que o anterior rexistro.