CRTVG

Buscar

España abandona o risco extremo por primeira vez desde xullo

Publicado o 30/08/2021 19:38

• A incidencia baixa ata os 242 casos por cada 100.000 habitantes

• Galicia, a piques de saír do risco extremo

España abandona o risco extremo por primeira vez desde xullo
EUROPA PRESS

As comunidades autónomas notificaron este luns ao Ministerio de Sanidade 15.489 novos casos de COVID-19, 1.380 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son inferiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 23.899 positivos, o que indica unha tendencia á baixa na evolución da pandemia.   

A cifra total de contaxios en España elévase xa a 4.847.298 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 242,18, fronte a 264,13 o venres. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 114.918 positivos.   

No informe deste luns engadíronse 146 falecementos, en comparación con 201 o luns pasado. Ata 84.146 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 809 persoas con diagnóstico de COVID-19 positivo confirmado en España.   

Actualmente, hai 7.114 pacientes ingresados por COVID-19 en toda España (7.206 o venres) e 1.652 en UCI (1.685 o venres). Nas últimas 24 horas, producíronse 611 ingresos (771 o venres) e 411 altas (867 o venres). A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 6,07 por cento (6,15% o venres) e nas UCI no 18,04 por cento (18,37% o venres).   

Entre o 20 e o 26 de agosto, as comunidades autónomas realizaron 741.283 probas diagnósticas, das cales 474.265 foron PCR e 267.018 test de antíxenos, cunha taxa global por 100.000 habitantes de 1.576,32. A taxa total de positividade sitúase no 9,43 por cento, fronte ao 10,26 por cento do venres.

Noticias web

30/08/2021