CRTVG

Buscar

Esnaquizan un bar para levar 800 euros na Laracha

Publicado o 10/09/2020 13:18

Tres ladróns asaltaron a cafetería Buenos Aires na Laracha e esnaquizaron todo o que atopaban ao seu paso. Despois de recibir o aviso de que uns individuos entraran no local, Amparo acudiu ata o establecemento, onde atopou unha imaxe que tardará tempo en esquecer. Esbandallado. Así quedou o bar Buenos Aires da Laracha despois do asalto. O desgusto da dona foi maiúsculo cando veu a desfeita. Ao pouco de soar a alarma achegouse ao local, xa que vive preto. Tamén a avisaron os veciños.

"Cerramos as once e media e as dúas menos cuarto activouse a alarma. Esnaquizaron a porta, dentro tiraron as TPV no chan, as máquinas de cobrar e botellería. Sonou a alarma e marcharon." di Amparo Verdía, dona do negocio.

Para a dona do negocio, é incomprensible a actuación dos ladróns, que puideron levarse uns 800 euros de casualidade, uns cartos que deixara para pagar a un proveedor que viña ao día seguinte. Cre que ao activarse a alarma non puideron facer moito máis. Da máquina comecartos, malia quedar esnaquizada, non levaron un can. E a do tabaco nin a tocaron.

"Os veciños ao activarse a alarma miraron, e tamén polo ruido. Viron uns individuos, aos que lles caeu o caixón fóra do local, volveron a coller o caixón. Estaban encarapuchados nos os recoñeceron. O coche estaba nunha pista que está a carón do bar. Non puideron verlle nada. Miraron pola fiestra pero simplemente viron as luces",  di Amparo Verdía, dona do negocio.

Ademais das perdas pola desfeitas e os 800 euros roubados, a propietaria apunta que debido ao asalto atrasaron a apertura ata o mediodía, o que tamén lle xerou perdas. Non é a primeira vez que rouban neste bar, pero o modus operandi deste asalto non ten nada que ver cos que sufriu no pasado, nos que apenas tivo danos. A Garda Civil investiga para dar cos ladróns.
 

Noticias web

10/09/2020