Esnaquizan intencionadamente uns 90 metros de firme nunha estrada de Portomarín
Así apareceu dun día para outro a estrada que une o alto do Valiño e Val de Porrás, en Portomarín. Nun tramo que levaba tempo cheo de fochancas alguén decidiu esnaquizar uns 90 metros de firme. Os traballadores dunha empresa contratada pola Deputación tiveron que acudir pola noite para sinalizar a desfeita. Pola súa parte, a Garda Civil investiga a autoría destes feitos, que causaron sorpresa entre a veciñanza.
"Sorprende bastante. Pero... cousa miña non é". "Souben hoxe á mañá, cando vin fotos por WhatsApp, que levantaron a estrada. É triste que haxa que facer algo así para que se poida arranxar unha estrada, porque penso que o máis importante é ter as estradas en bo estado. Imaxina que agora tivera que pasar unha ambulancia que non saiba o percorrido no estado en que se ve nas fotos", comentan varias veciñas.
Non se descarta que algún residente na zona se molestase en abrir o firme en sinal de protesta polo seu mal estado. De feito, os veciños sinalan que a estrada xa levaba tempo ateigada de fochas, e iso ocasionoulles numerosas avarías nos vehículos.
"Levaba bastante tempo. Viñeron a reparar, pero foi unha mínima parte. Leva moito tempo así". "A estrada xa leva catro ou cinco meses así, con esas fochas. Resulta que a arranxan e ao cabo dunha tempada a pista volve rebentar polos mesmos sitios. E para pasar, é difícil, por cousa de que se te arrimas moito os coches baixos pegan por abaixo, o que provoca unha deterioración no cárter do motor", engaden.
No departamento de Obras da Deputación provincial, que xa presentou unha denuncia por estes feitos, estiman que a reparación do pavimento afectado vai ter un custo de varios miles de euros.