CRTVG

Buscar

Esnaquizan dous pisos ocupados ilegalmente na Coruña

Publicado o 29/01/2021 13:44

A policía desaloxa nove ocupantes ilegais de dous pisos usados como academia na avenida Fisterra da Coruña. O dono denunciou en agosto a entrada ilegal no edificio, que comezou co primeiro estado de alarma. Un dos ocupantes foi detido, ao parecer, porque tiña unha orde xudicial para a súa captura.

Os dous pisos eran ata marzo unha academia. A ocupación ilegal denunciárona o profesor que os alugou e o dono, en agosto. Ata esta semana non se emitiu a orde xudicial que deu como resultado o desaloxo.

"Temos medo, por iso estamos protexendo todo, poñendo alarmas, que teñen o seu custo, poñendo xente para vixiar, e non temos outro xeito de protexer. É tremendo é incrible. En marzo aproveitaron o peche pola pandemia e entraron catro persoas. Denunciamos no xulgado e ata onte que tivemos a orde de desafiuzamento. Había moita xente, e aínda había máis colchóns, convertérase case nun hotel", di o dono do inmoble.

Nos pisos, que en total suman uns 200 metros cadrados de superficie, os ocupantes tapaban as xanelas con papeis e mantas e empregaban mesas para facer camas colocando colchóns para durmir. Hai televisións, cadeiras, alimentos, roupa, produtos de limpeza, unha bicicleta e básculas electrónicas de precisión. Tamén había dous cans.

O propietario asegura que o home que tiña a academia di que non vai poder seguir, porque o custo que ten recuperar isto é enorme.

Saíron á forza nove persoas. Unha delas foi detida, segundo fontes da policía, por estar buscada pola xustiza. O resto afastáronse do lugar con algunhas pertenzas. Outras quedaron aquí e eles volverán para recollelas baixo vixiancia policial.

 

Noticias web

29/01/2021