CRTVG

Buscar

O PSC gaña en Cataluña pero os partidos independentistas suman, con ERC á cabeza

Publicado o 15/02/2021 08:42

• A candidatura de Illa é a vencedora nas autonómicas, pero ERC logra os mesmos 33 asentos ca os socialistas. Junts queda con 32. Vox irrompe con 11 e Ciudadanos cae da primeira á sétima posición. 

O PSC gañou as eleccións en Cataluña. A candidatura de Salvador Illa obtivo máis do 23 % dos votos e 33 escanos, é dicir, 16 máis que hai catro anos. Seguirao ERC, con 33 escanos (gaña un) e logo JxC con 32 (perde dous). 

Vox colócase como cuarta forza e irrompe no Parlamento de Cataluña con 11 deputados. A continuación está a CUP con nove escanos (cinco máis) e logo En Comú Podem mantén os seus oito escanos.

Ciudadanos pasa de ser a forza máis votada a quedar en sétima posición, con seis escanos, é dicir, perde 30 dos que obtivo en 2017. O PP obtivo nestas eleccións tres deputados, un menos que nos anteriores comicios. É o seu peor resultado en Cataluña. O PDCat, escisión de Junts, non entraría no Parlamento autonómico.

Dúas combinacións posibles

Con este panorama, só hai dúas combinacións posibles que superarían os 68 escanos da maioría absoluta. Ao actual goberno catalán, integrado por ERC e Junts (33+32=65) bastaríalle de novo o apoio da CUP (9).

Existe tamén outra combinación posible que daría os mesmos 74 escanos: a suma de PSC (33), Esquerra Republicana (33) e En Comú Podem (8), pero os independentistas dixeron en campaña que non pactarían coa candidatura de Salvador Illa.

Triunfo dos independentistas

As candidaturas que apoian abertamente a independencia de Cataluña superan o 50 % dos votos e dos escanos. Só na provincia de Barcelona quedan por debaixo desa porcentaxe. En Lleida ou Girona, practicamente dous de cada tres votos son para formacións independentistas.

• A enquisa de GAD-3 dá gañador o PSC en votos pero non en escanos