CRTVG

Buscar

Escrivá xustifica os atrasos no IMV na busca de fraudes e duplicidades

Publicado o 20/08/2020 17:09

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, asegurou este xoves que o ritmo ao que se resolven os expedientes do ingreso mínimo vital (IMV) é "crecente", e que os fogares con dereito a esa prestación recibirana con carácter retroactivo desde xuño.

Tras reunirse co presidente da Generalitat Valenciana, Ximo Puig, o ministro dixo aos medios de comunicación que se recibiron máis de 800.000 solicitudes para percibir o IMV, das que se resolveron 145.000, se concederon a 80.000 fogares (unhas 200.000 persoas) e se pagaron 50 millóns de euros.

O ministro pediu esperar a mediados ou finais de setembro para ter unha "foto fixa" da situación do IMV, pois nestes momentos están a cruzarse datos e detectáronse 60.000 solicitudes duplicadas e unha porcentaxe "significativa" de persoas que superan os requisitos de renda ou patrimonio e de solicitantes que deben completar a documentación.

Insistiu en que se está nunha "primeira etapa", en que se están filtrando as solicitudes e por tanto as nóminas de xullo son "pouco representativas". A partir do 15 de setembro, sinala, poderase avaliar a situación, para saber ata onde se chegou e se quedou xente fóra desta prestación.

Escrivá defendeu que hai que ser "moi rigorosos" á hora de identificar as unidades de convivencia, o que require o intercambio de datos con Concellos, o INE, o SEPE ou a Axencia Tributaria, e resaltou que os expedientes presentados equivalen ás pensións que se tramitan nun ano.

Ademais, asegurou que as rendas autonómicas tardaron de media "moitos meses e anos", en empezar a recoñecer as prestacións, e insistiu en que, por exemplo, esta semana están a resolverse o dobre de expedientes do IMV ca hai unhas semanas.

Escrivá afirmou que é necesario reforzar o persoal da Seguridade Social, co fin de lograr unha estrutura "potente, áxil e capaz de xestionar" as prestacións do estado de benestar.

"Non queremos deixar ninguén atrás", dixo Escrivá, quen comprometeu a axuda e a protección de rendas por parte do Goberno de España ás persoas afectadas pola crise do coronavirus, e precisou que en outubro volverá avaliarse a situación.