CRTVG

Buscar

Escribá despediuse dos xogadores na Madroa

Publicado o 04/11/2019 17:05

Balaídos con apupos un equipo afundido, sen capacidade de reacción. Un Celta que só logrou facer seis goles en 12 xornadas e que segue en descenso. Quedará por saber se o Celta e Fran Escribá prepararon este cadro de xogadores en constante comunicación. Se este era o Celta que quería Fran Escribá? Este Celta nin compite nin xoga.

O desequilibrio estrutural do xogo celeste volveu quedar onte en evidencia e afecta xa a moral dun equipo que se esvae na competición. Que o Xetafe viña ao del non era unha novidade pero o Celta non foi quen de evitalo.

O erro decisivo non tardaría moito en chegar, pero antes os celestes aspiran a darlle un cambio aos presupostos do rival con esta acción de moito peito de Lobotka, quen rouba e se posiciona ben para intentar o xute a porta e provocar a primeira, e case que única, intervención destacada de David Soria. Ía o encontro polo minuto vinte cando Aspas executa unha falta e crea outra ficción de reacción local, e de que algo podía pasar.

A pelota marcha polas aforas do poste e volta co fútbol de vagar. Até que o Xetafe se atopa co regalo da zaga celeste e consegue o premio gordo. Aidoo non controla un pase lateral de Araújo e a pelota cae aos pés de Kenedy. Repregue defectuoso e porta aberta para que o xogador do Xetafe pise área e derrote a Rubén por baixo. A segunda parte fíxoselle moi costa arriba aois celestes que se frustraban a cada chegada a porta rival. Aspas non chega ao centro xute de Brais Méndez e Denis Suárez non atopa nin os tres paus nun saque de falta dende o costado. Desesperación do ex do Barça que acabaría afundido no banquiño como metáfora da impotencia do cadro vigués.

O Xetafe, co Celta envorcado e cambios á desesperada, aínda puido facer máis grande a vantaxe, pero daba igual. O mal, co gol de Kenedy, xa estaba feito e a evidencia consumada de que este Celta ten un fútbol de moita cascarilla e pouco café, acaba de levar por diante a Escribá.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/11/2019