CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Escolares ourensáns fórmanse en consumo responsable cunha obra de teatro

Publicado o 07/11/2017 14:28

É moi difícil escapar do que fan todos. Máis aínda cando se é preadolescente. E moito máis aínda cando se trata de non gastar e de consumir tanto. Para ir a contracorrente de toda esta forza, o teatro pode ser unha boa arma. O auditorio de Ourense acolleu a representación dunha obra para que os nenos e as nenas reflexionen sobre o aforro e o consumo responsable.

Case mil nenos, de entre 9 e 11 anos, de distintos puntos da provincia de Ourense, A Cañiza en Pontevedra, e Chantada e Escairón en Lugo asistiron á representación teatral de 'Labirinto'. Trátase dunha obra para concienciar os máis novos sobre o consumo responsable e o aforro. A historia representa un neno preadolescente que discute coa nai porque ela lle di que non lle vai dar máis cartos para os seus gastos, ao tempo que lle pide un gasto responsable.

Na representación, a través de mitos gregos como o Minotauro, Ícaro ou Hércules, acaban por chegar a un acordo nai e fillo sobre a súa paga e o aforro, aprendendo a importancia de pensar antes de gastar. A obra, representada polo grupo Zarándula, chegará a nove mil nenos de toda Galicia nas vinte e catro representacións previstas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí