Escolares de Outes e Noia estudan sobre o terreo os efectos do cambio climático
O espazo protexido por Rede Natura en Louro contou esta mañá cos alumnos do IES Poeta Añón e do Virxe do Mar. Prismáticos en man e como auténticos investigadores, estudaron a flora e a fauna que compoñen ese ecosistema grazas ao proxecto Climántica, presente xa en medio mundo, e que busca que os escolares se convertan en participantes e divulgadores da ciencia do cambio climático.
Francisco Sóñora, director do proxecto Climántica: "Ten unha base de observación ecolóxica da diversidade de ecosistemas que se xeran por esta zona e tamén a entrada de especies invasoras".
Atentos en todo momento, descubriron especies que fan único o espazo que estaban a pisar, coma a píllara papuda.
A resposta por parte dos menores é boa, e amósanse comprometidos co cambio climático.
"Vimos varias especies de paxaros e estanos gustando moito. Creo que a maior parte da xente pensa que o cambio climático é só deixar de empregar plásticos".
Na actualidade teñen varias liñas de investigación abertas. A última, dedicada a estudar os efectos do cambio climático sobre os bivalvos que se cultivan na ría de Muros e Noia.