CRTVG

Buscar

Escolares de Ames homenaxean a Antón Fraguas adornando os camiños con versos

Publicado o 22/05/2019 14:11

Pasou o 17 de maio, pero en Ames continúan celebrando as letras galegas. Hoxe, escolares de infantil e primaria transformaron o paseo fluvial de Bertamiráns nun camiño de versos, cunha escolma do Cancioneiro de Cotobade, de Antón Fraguas.

"Antón Fraguas era un escritor de poemas"; "Un defensor de Galicia"; "Un poeta que xa morreu. A min encántame Antón Fraguas", son algunhas das definicións que nos aportan os estudantes. 

Eles aprendérono no colexio. Afondaron na figura de Antón Fraguas como referente este ano das Letras Galegas, e agora queren compartilo cos seus veciños nunha actividade que combina arte, literatura e natureza.

"Estamos poñendo carteis de Antón Fraguas"; "Uns debuxos que non me saíron moi ben pero aínda estou practicando, de Antón Fraguas escribindo un poema, pero non me acordo, borróuseme todo da cabeza".

Plasmaron sobre lousas os versos do Cancioneiro de Cotobade e agora pendúranas das árbores e plántanas no chan para que os veciños tamén as desfruten, ao tempo que recitan os seus versos: "Eu son o vento que me presento, vou e veño coma un cataventos. Son o vento que nunca está quedo". "Teño unha herba na horta, pasa por riba do muro, se o teu camiño é val, o meu tamén é seguro".

A iniciativa parte do equipo de normalización lingüística do Concello e participan todos os alumnos de infantil e primaria de Ames.

"Facer algo e proxectalo na comunidade, compartilo coa veciñanza", di a directora do CEIP A Maía de Bertamiráns, Isabel Abelleira.

"Fundamentalmente, é unha actividade de normalización lingüística que busca fomentar a creatividade en lingua galega e poñer en valor as nosas letras, a nosa lingua, a cultura e, en definitiva, o noso patrimonio", engade Rosa Moreiras, técnica de normalización lingüística do Concello de Ames.

A actividade esténdese tamén a outras zonas axardinadas do concello e a outros autores en lingua galega.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/05/2019