Escavan por primeira vez en Galicia unha fortaleza posterior ao Imperio Romano
En Galicia hai fortalezas defensivas erixidas entre a fin do Imperio Romano e a Idade Media. Por primeira vez, os arqueólogos traballan nun destes asentamentos, o do faro de Budiño, no concello do Porriño, para datalo definitivamente e averiguar que tipo de vida fixeron nel os nosos antepasados.
A bibliografía e a tradición popular localizaban unha posible fortaleza entre as pedras inmensas do Faro de Budiño. Despois dunha semana de traballos, os arqueólogos da Universidade de Santiago fan visibles as primeiras estancias. As análises dos materiais e da terra permitirán datar definitivamente a construción porriñesa que, como outras ubicadas no Monte Aloia en Tui ou no Galiñeiro, en Vigo, corresponden a algún intre entre a fin da dominación romana e os castelos medievais.
Tamén atoparon cerámica, restos de vidro, considerado un artigo de luxo, e un teito de madeira queimado e derrubado, vestixio que alude a un posible abandono do lugar por mor dun incendio. O que xa contan estas pedras é que o sitio leva moitos séculos transitado.
Os traballos están promovidos pola Universidade compostelá e contan coa colaboración da Comunidade de Montes de Budiño.