CRTVG

Buscar

Escasean os dispositivos de telepeaxe pola crise dos microchips e pola alta demanda na AP-9

Publicado o 24/08/2021 15:51

Xa hai algunha entidade bancaria que notificou aos seus clientes o desabastecemento destes aparellos por un tempo indeterminado. A causa é a actual crise dos microchips que afecta a todo o mundo e a diversos sectores. Sen este dispositivo de telepeaxe non podemos acceder aos descontos nas peaxes da AP-9, desde que se aprobaron disparouse a demanda deste aparello. O dispositivo está vinculado a unha conta ou tarxeta bancaria e aínda que a maioría dos bancos aínda contan con reservas, se se prolonga a falta de subministración podería aumentar o desabastecemento.

Desde que se comezaron a aplicar os descontos nas peaxes da AP-9 a finais do mes de xullo, son moitos os cidadáns que solicitaron un dispositivo de telepeaxe, porque este aparello é indispensable para poder beneficiarse das rebaixas cando circulemos pola autoestrada.

A crise dos microchips tamén está a afectar estes aparellos coñecidos como VIA-T, polo que algunha entidade bancaria empeza a ter problemas de abastecemento. Desde as asociacións de consumidores cren que a escaseza de compoñentes non pode repercutir no peto do consumidor.

As principais empresas que serven os aparellos contan, polo de agora, con reservas, pero se se prolonga a falta de subministracións, podería xeneralizarse este problema. Os prezos dos dispositivos oscilan segundo a entidade, e poden ter custo de alta de entre 0 a 40 euros e un custo de mantemento que pode ser tamén de balde ou chegar a uns 24 euros anuais.

Noticias web

24/08/2021