CRTVG

Buscar

Escasean os repolos para plantar

Publicado o 07/04/2020 21:14

Lino ara estes días a terra coa esperanza de atopar algo de repolo para botar. Sempre o mercou na feira de Padrón, pero agora conseguir plantas de repoboación é practicamente imposible.

Lino Regueiro: "Ese repolo vendíase nas feiras e mercados e moi pouco nas tendas agrarias. E hai colleiteiros que van ter que tirar todo o produto porque eu non o podo ir buscar a Carballo e o de Carballo non o pode vir buscar aquí".

Pero non só falta repolo.

Rafael López e Ana Villar: "Non atopamos repolo, cebolo, pemento de padrón, que normalmente o trae a xente de alí ás feiras e ao non habelas temos que vir a tendas destas e non sabemos se o produto nos vai saír igual de bo ca o outro".

"Ese grande gústame moito porque cando lle cortamos a cabeza énchese de fillos e na Coresma facémolo co bacallau. O pequeno cortámolo e é moi raro que bote fillos".

Os agricultores din que o repolo das feiras é moito máis resistente. Pero ante a súa falta, moitos recorren ás plantas de invernadoiros que se venden nas tendas agrícolas.

Jose Ramón Fernández, xerente de Labralia: "O que máis se vende é o cebolo, porque ao estar os mercados pechados é algo que se vende máis aquí. E co repolo igual. Hai subministración suficiente e non van ter problema ningún".

Jose Ramón anima os agricultores a que proben este ano a poñer repolo de invernadoiro. Lino, polo de agora agarda. E aproveita os regos para ir poñendo as patacas.

Noticias web

07/04/2020