CRTVG

Buscar

Escapan polo monte tras roubar un mostrario nunha xoiería de Muros

Publicado o 12/11/2019 13:50

Un dos ladróns entrou nesta xoiería de Muros o luns, contra as seis e media da tarde. Presentouse como un cliente interesado en adquirir dúas pulseiras de ouro, unha para a nai e outra para o pai, e dixo que podía gastar 1.500 euros.

Era un home novo, aparentemente de menos de 30 anos, que non levantou as sospeitas da dona do negocio. Só lle pareceu indeciso de máis.

Nun momento en que soou o teléfono da tenda, o delincuente aproveitou para botarlle a man á manta cunha vintena de pulseiras e fuxir. Algunha das pezas do mostrario supera os 2.000 euros. A dona saíu tras el ás carreiras pero o mozo desapareceu.

Uns policías locais que estaban preto vírono subir a un turismo en que o agardaba outro individuo.
Cren que non debían coñecer ben a zona porque se meteron por unha estrada secundaria que remata na aldea de Castelo, a dez minutos da zona urbana.

Os ladróns sabían que os perseguían. Despois de bater contra unha das casas do fondo do lugar abandonaron o coche e continuaron a fuxida polo monte. A Garda Civil organizou un dispositivo de busca que aínda non deu resultado.

Noticias web

12/11/2019