CRTVG

Buscar

Errejón confirmará a súa candidatura e en que circunscricións se presenta o seu partido

Publicado o 23/09/2019 08:38

En cuestión de horas, o ex-dirixente de Podemos Íñigo Errejón podería confirmarse como candidato á presidencia do Goberno. A formación de Errejón e de Manuela Carmena decidiu onte ao serán, e por unha maioría abrumadora, concorrer ás eleccións xerais do 10 de novembro. Din que o fan coa intención de sumar e para cubrir o espazo de descontento que provocou a falta de acordo entre PSOE e Podemos.

Co 99 por cento dos votos, os militantes do partido de Errejón e Manuela Carmena deciden concorrer ás eleccións xerais do 10 de novembro. Non estivo presente na asemblea, para non interferir na decisión, o propio Errejón, do que se espera que confirme a súa candidatura nas próximas horas. 

"Para recuperar a confianza dos españois na dignidade das institucións e na posibilidade dun goberno progresista, con persoas, como Íñigo Errejón que teñen o talante, a coherencia e a sensatez como para facilitar acordos e acabar co bloqueo político que se produciu no noso país", anunciaba o deputado autonómico de Más Madrid, Daniel Ortega.

Queda por saber se concorrerán só en Madrid ou en outras circuncricións, e, no seu caso, quen serán os seus aliados. Insisten na mensaxe de que non veñen dividir o voto da esquerda, senon a sumar recollendo o voto do descontento que poderia ir á anstención.

"Gustaríanos non estar hoxe aquí, porque prefeririamos que houbese un acordo que facilitase un goberno de progreso", declarou a concelleira de Más Madrid, Inés Sabanés.

As reaccións á irrupción de Errejón na política nacional non se fixeron esperar.

Carlos Carrizosa, de Ciudadanos, dixo que "Errejón utilizou a relevancia que lles dan as institucións para a súa relevancia política e as súas propias venganzas persoais".

Pablo Montesinos, do  Partido Popular,  afirma que "ao PP dálle igual o que faga a esqueda e o que faga Errejón porque hoxe os españois xa saben que esquerda é sinónimo de bloqueo político".

Dolores Delgado, a ministra de Xustiza en funcións, considera que Errejón "ten plena liberdade para facelo se considera que pode obter resultados e que pode ter un futuro, pois paréceme moi ben que o faga".

Non houbo reaccións, polo momento, desde a directiva de Unidas Podemos. Isabel Serra a voceira de Podemos na Asemblea de Madrid, di que a fragmentación pode prexudicar pero que en Unidas Podemos non temen a democarcia. Ada Colau declarouse confiada en que tras as eleccións se poida reconstuír o espazo do cambio.

Un dos fundadores de Podemos, Juan Carlos Monedero foi o máis duro con Errejón, ao que acusou de dividir e de ser unha esquerda favorable ao bipartidismo. Culpouno nun chío da perda dos gobernos do Concello e da Comunidade de Madrid.

A ex-alcaldesa Manuela Carmena autodescartouse como candidata.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/09/2019