CRTVG

Buscar

ERC trasladará as esixencias da súa militancia aos negociadores do PSOE

Publicado o 26/11/2019 08:09

A militancia de Esquerra Republicana avalou cun 95 por cento dos votos a estratexia da súa dirección para negociar a investidura de Sánchez. Esta mesma semana, o equipo negociador trasladaralle ao PSOE a demanda dunha mesa de diálogo "entre gobernos, e cun calendario previo". Piden tamén que cada unha das partes poida propoñer con liberdade as solucións que considere.

"Hoxe somos máis fortes ca nunca para forzar o Estado a negociar. E esta é a mensaxe que hoxe enviou a miltancia de ERC ao PSOE e a Podemos", dixo Marta Vilalta.

Tal e como se esperaba, os afiliados republicanos votaron a favor de esixir unha mesa de diálogo como condición mínima indispensable para non bloquear a investidura de Sánchez. Esta mesma semana trasladarán os requisitos aos negociadores do PSOE, demandas que pasan porque sexa unha mesa entre gobernos e na que poidan expoñer libremente -din- calquera solución.

"Saberemos en que condicións poderemos seguir avanzado para que haxa un goberno pronto, que é o importante. A sociedade española merece un goberno pronto, e un goberno progresista polas vitorias que o PSOE tivo ao longo deste ano", declarou a vicepresidenta en funcións, Carmen Calvo.

Nas últimas horas coñeceuse tamén o resultado da consulta de Izquierda Unida, tamén favorable ao pacto co PSOE, e cun coordinador xeral que se amosou disposto a exercer calquera responsabilidade no Executivo.

"Non é en absoluto normal que falemos de nomes e apelidos antes de definir o programa e as competencias para desenvolver ese programa. Cando chegue ese momento, eu estarei á disposición do que a nosa organización decida", explicou Alberto Garzón.

Canto á posibilidade de que el mesmo ou Yolanda Díaz asuman a carteira de Traballo, a deputada de Galicia en Común lembrou que noutras ocasións esas competencias estiveron desligadas das de Seguridade Social. E dixo que lle corresponde ao presidente do Goberno deseñar o organigrama do seu Consello de Ministros. Aseguran PSOE e Unidas Podemos que as negociacións avanzan a bo ritmo, ao tempo que o PP volve descartar unha abstención e subliña a Ciudadanos para que o goberno non estea condicionado polos independentistas.

"Por que (Pedro Sánchez) tampouco está explorando ningún contacto con Ciudadanos?. Levo quince días esperando que responda a miña chamada, pero, ademais, creo que represento un partido que non pode ser humillado", dixo o líder do PP, Pablo Casado.

Desde Ciudadanos, Lorena Roldán dixo que son "partidarios do desbloqueo, pero do desbloqueo a cambio de reformas, non do desbloqueo a cambio de que o señor Iglesias vaia ser o vicepresidente de todos os españois e de que este goberno dependa de novo dos nacionalistas".

Tras as reunións exploratorias, os equipos de Esquerra e o PSOE poderían entrar esta mesma semana no miolo das negociacións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/11/2019