CRTVG

Buscar

ERC pospón a esixencia dun "diálogo entre gobernos"

Publicado o 27/11/2019 08:57

Na véspera do inicio das negociacións entre PSOE e Esquerra, hoxe chega ao Congreso, para a súa validación, o decreto do Goberno contra a república dixital catalá. Permítelle ao Executivo central asumir o control dos servidores de Internet en caso de que exista unha ameaza á orde pública. E engade máis tensión a unha negociación ante a que o PSOE pide a Esquerra rebaixar as esixencias.

O voceiro de Esquerra refírese ás mensaxes dos socialistas en campaña e á setenza de cárcere para os presos do procés para explicar por que a súa posición ante a investidura de Sánchez é agora máis dura ca en abril. Mesmo así, Esquerra pospón o aspecto máis polémico dos últimos días: a esixencia dun diálogo entre gobernos queda para despois da investidura: "Estamos falando dunha segunda fase, sen a primeira, sen un calendario e sen un compromiso, esta segunda fase non pode existir", explicou Gabriel Rufián.

Os deputados de Esquerra recollían onte as súas credenciais no Congreso, onde cadraron con deputados do PSC, que invitaron os independentistas a apartar os seus problemas internos e permitir que as negociacións prosperen. Pide o PSOE que se normalice o diálogo, pero diferenciando o ámbito dos partidos do ámbito institucional.

"Se todas as peticións formuladas teñen un encaixe constitucional, evidentemente será factible", explicou o Ministro de Interior en funcións, Fernando Grande Marlaska.

José Luis Ábalos, o secretario de Organización do PSOE lembroulle a ERC que non están pedindo un voto favorable, "nin un apoio á acción de goberno, senón simplemente que permitan desbloquear. Pero tamén llo pedimos ao resto das formacións". Houbo esposta desde o PP. Tras a reunión do seu secretario xeral con Adriana Lastra, os populares confirmaron que non se van abster.

"Dúas semanas despois do abrazo cos radicais de esquerda, Sánchez segue sen explicar que prezo pensa pagar para seguir na Moncloa", dixo Pablo Montesinos.

Comeza mañá mesmo a reunión da comisión negociadora entre partidos -PSOE e Esquerra-, coa petición dos socialistas para que os republicanos asuman unha rebaixa das súas esixencias.

Noticias web

27/11/2019