ERC negocia a investidura de Sánchez "sen présas"
O PSOE retoma esta semana as negociacións con Esquerra Republicana para lograr a investidura de Sánchez. Os socialistas aspiran a formar goberno antes de Nadal, pero os cataláns arrefrían as súas expectativas e rexeitan un acordo rápido. O seu deputado Gabriel Rufián cre que necesitan "un bo acordo, iniciar un camiño que ata hai pouco parecía imposible e esta vez é incompatible coas présas".
Aínda así, dende Podemos son optimistas. Pablo Iglesias cre que o PSOE e ERC "se están esforzando para que o acordo sexa posible. Nós estamos dispostos a axudar. Agardo que sexa antes de Nadal. Se non fose así, creo que se xeraría inquietude e malestar en boa parte da cidadanía".
Tamén dende o PNV urxen ao acordo. Para Aitor Esteban "cada día que pasa pode ser máis complicado pasar a investidura".
Esta tarde, os negociadores do PSOE reuniranse cos líderes de Coalición Canaria e de Nueva Canarias.