CRTVG

Buscar

ERC mantén o non á investidura, e Sánchez avísaos de que só o PSOE e Unidas Podemos apostan polo diálogo con Cataluña

Publicado o 14/11/2019 21:01

Primeira xuntanza entre o PSOE e Esquerra Republicana para falar da investidura. Os 13 deputados cataláns son imprescindibles para que Pedro Sánchez poida ser presidente. Pero polo momento, os republicanos mantéñense no non. Nin sequera barallan absterse coma no mes de xullo. Aseguran que a sentenza do procés cambiou todo, e que o PSOE non terá o seu apoio se non abandona, din, a vía represiva.

Pere Aragonés, ERC, "debemos ser moito máis esixentes, a confianza que podía haber en que podiamos avanzar neste momento non existe".

Pedro Sánchez avísaos de que o PSOE e Unidas Podemos son os únicos partidos que a nivel estatal apostan polo diálogo para resolver o conflito catalán, que define como unha crise política. Por iso non entende a postura de Esquerra.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións, "que alternativa están ofrecendo?, que goberno quererían?. Insisto, nós imos ofrecer sempre diálogo dentro da Constitución, sempre o imos facer".

Sánchez, que non quería depender dos independentistas para gobernar asume agora que lle farán falta. Bildu e a Cup apostan por consensuar unha postura común do soberanismo con vistas á investidura.

Mireia Vehí, CUP, "non entenderiamos que ningún partido independentista facilitase este acordo de gobernabilidade".

Arnaldo Otegi, Bildu, "o problema das nacións sen estado, e dos presos vai estar aí, así que teñen que deixar claro se queren abordalo ou non".

Ademais dos nacionalistas, o PSOE precisa pechar acordos con outros partidos minoritarios. Este xoves reuníronse co deputado de Teruel Existe, que a priori, está disposto a apoiar a investidura.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2019