CRTVG

Buscar

ERC di que faltan "as últimas concrecións" para apoiar a investidura

Publicado o 24/12/2019 19:04

O avogado de Oriol Junqueras pídelle ao Supremo a súa inmediata posta en liberdade e a nulidade da súa condena a 13 anos de cadea. No seu escrito, Andreu Van den Eynde sostén que todo o que aconteceu tras o 13 de xuño, data da proclamación dos resultados das eleccións europeas, carece de validez, porque o seu defendido gozaba de inmunidade, tal e como vén de recoñecer o Tribunal de Xustiza Europeo.

O seu é o segundo escrito que chega ao Supremo tras a sentenza de Luxemburgo despois do da fiscalía. Pero falta o da avogacía do estado: da súa opinión depende que Esquerra Republicana retome as negociacións para investir a Pedro Sánchez, un acordo do que só os separan detalles sobre esa futura mesa de negociacións.

Marta Vilalta, voceira de ERC, di que "fan falla as últimas concrecións que, máis que unha fórmula concreta, van na liña de darlle maior credibilidade a que isto vaia ser unha ferramenta útil".
Co Nadal polo medio, o escrito da avogacía non se coñecerá, como pronto, ata o xoves, o que reduce as posibilidades dunha investidura antes de Aninovo.

Noticias web

24/12/2019