CRTVG

Buscar

ERC di que a negociación debe ser entre o Goberno central e a Generalitat

Publicado o 23/11/2019 20:44

A portavoz de Esquerra Republicana de Cataluña, Marta Villalta, anunciou hoxe cales son os mínimos do seu partido para facilitar a investidura de Pedro Sánchez. Pediranlle que se comprometa a un diálogo de goberno a goberno, entre o da Generalitat e o do Estado, e sen límites.

Foi tras unha asemblea de mulleres de Esquerra. A súa portavoz aclarou que o posible acordo para a investidura de Sánchez pasa por recoñecer que hai un conflito político e que a vontade de negociar se concretará nunha Mesa non de partidos, senón de gobernos.

"Ten que ser entre iguais... entre os gobernos, e respectándose mutuamente os gobernos de Cataluña e do Estado español".

Din tamén que esa negociación entre iguais debe iniciarse sen condicións, aínda que eles levarán á Mesa dúas ben claras.

 "Queremos propoñer que hai que construír esa solución democrática baseada no exercicio da autodeterminación e na amnistía".

Queren tamén un calendario. O deles arranca este luns, coa consulta vinculante á súa militancia, e segue o xoves coa primeira xuntanza dos equipos encabezados por Lastra no PSOE e Rufián en Esquerra.


 

Noticias web

23/11/2019