CRTVG

Buscar

ERC asegura que serán "absolutamente esixentes" cos Presupostos Xerais do Estado

Publicado o 03/02/2020 07:57

Nunha entrevista do xornal El País, a vicepresidenta primeira do Goberno insiste en que o aprazamento da mesa de diálogo con Cataluña foi un "malentendido". Di que as palabras de Torra lles fixeron pensar que a lexislatura catalá remataba xa, e que foi ERC quen lles explicou que non era así.
"A mensaxe é que a lexislatura catalá se alonga máis do que parecía. Nós como Goberno estabamos dispostos desde o día un a sentarnos nunha mesa de diálogo, que, por outro lado, acordamos sentarnos en 15 días e nós estabamos en disposición de facelo. Non temos ningún problema. Así que cando os presidentes se reúnan o día 6 imaxino que acordarán data e fórmula xa para traballar"

Carmen Calvo aseguraba tamén que o asunto catalán non impedirá aprobar os Presupostos Xerais do Estado porque os dous debates "se poden separar", dixo...
Non opina o mesmo ERC... O vicepresidente da Generalitat, Pere Aragonés, nunha entrevista no diario catalán Ara, advertiu que primeiro é activar a negociación e que serán "esixentes" cos Presupostos...
"Primeiro que a mesa de negociación se active, se poña en marcha e a partir de aquí podemos falar duns posibles presupostos dos cales seremos absolutamente esixentes"

E engadía en que son "escépticos" porque o PSOE se viu obrigado a negociar para que cadrasen os números para a investidura...
"Víronse forzados pola aritmética e por tanto, como se viron forzados pola aritmética e non por vontade, por tanto somos escépticos e debemos ser moi esixentes"

Pere Aragonés subliñaba que ERC ten a responsabilidade de utilizar os seus 13 deputados no Congreso para avanzar cara ao proxecto independentista.
"Construír un Estado independente en Cataluña"...

 

Noticias web

03/02/2020