CRTVG

Buscar

Epidemiólogos e sanitarios xustifican as medidas: "Dentro do posible, deberiamos autoconfinarnos"

Publicado o 14/01/2021 14:38

Estamos no momento de maior difusión do virus na comunidade autónoma, cunhas incidencias elevadísimas, que segundo epidemiólogos como Juan Gestal xustifican a dureza das medidas. Unhas medidas globais para toda Galicia que adiantan o toque de recollida, reducen a catro o máximo de non conviventes e pechan perimetralmente case o 50 por cento da poboación, que vive nos 60 concellos de maior incidencia, incluídas todas as cidades. A hostalería debe pechar ás seis e os camareiros, como Francisco, volven ao ERTE.

As visitas aos hospitais terán que ser dunha persoa, pechan os salóns de xogo, os cines que quedan abertos suspenden a sesión de noite e as actividades deportivas limítanse a catro persoas máis o monitor, pero os máis afectados son os negocios relacionados co ocio e o turismo.

Sanitarios e expertos piden un esforzo. Pedro Rascado, responsable das UCI dos CHUS e membro do comité clínico: "Agora mesmo temos un aumento de casos que é preocupante e se non tomamos estas medidas e non somos estritos podemos poñernos nunha situación realmente complicada nunhas semanas".

Juan Gestal, epidemiólogo: "Ata o punto de que, quen poida que se autoconfine. Eu non sei se chegará o momento do autoconfinamento porque esta situación esta a poñer en risco o Sistema Nacional de Saúde".

Noticias web

14/01/2021