CRTVG

Buscar

Envorca un camión con 500 porcos vivos en Maceda

Publicado o 15/03/2021 21:20

Aparatoso sinistro dun camión que transportaba 500 porcos para o cebo. O condutor perdeu o control do vehículo e envorcou na estrada Nacional 536, no municipio ourensán de Maceda. Moitos leitóns quedaron atrapados no interior e segundo o condutor, que resultou ileso, puideron morrer un cento deles. O resto tiveron que ser rescatados e trasladados a outro camión. 

Moitos dos leitóns que sobreviviron tras o sinistro deste camión quedaron atrapados no interior e outros saíron cara á estrada. Máis de dúas horas estiveron os bombeiros de San Cibrao das Viñas, o GES do Pereiro de Aguiar e Protección Civil de Maceda rescatando e trasaladando os animais cara a outro camión. 

Malia a aparatosidade, o condutor da empresa de transportes de animais vivos de Maside resultou ileso. A peor parte levárona os porcos.

Ademais dos traballadores da empresa que atenderon os animais, tamén estivo un equipo do Seprona controlando o seu estado.  

 

Noticias web

15/03/2021