CRTVG

Buscar

Envorca un camión con 24.000 litros de leite en Sobrado

Publicado o 19/08/2021 14:15

Sucedeu pasadas as cinco desta mañá no concello coruñés de Sobrado, nun tramo sinuoso e con pouco tráfico a esas horas. Transportaba 24.000 litros de leito en sentido Arzúa. Segundo, nos contou o chofer, deulle o sono e o camión con remolque foi parar nas árbores á beira do río.

Quedou envorcado do lado do condutor e el dentro. O impacto sentírono no lugar de Madelos, distante varios centos de metros, como relata Montse: "Oín un estrondo moi forte e espertei, claro. Quedei escoitando, por se escoitaba pitar algunha bucina, porque non é a primeira vez que un coche vai ao río. Pero non oín máis nada e non pensei que sería".

No punto do sinistro a cobertura telefónica é mala e grazas á alerta que deu un condutor de paso preto das seis o chofer do camión puido ter axuda dos bombeiros para saír da cabina: "Retiraron o parabrisas e xa saíu por aí sen complicacións. Non tiña maior complicación de saúde que o feito de estar atrapado na cabina. E logo os traballos centráronse na contención da vertedura incontrolada de leite que ía directa ao río. Fíxose un transvasamento cara ao leito dun muíño en desuso e no pozo quedou a maior parte desa vertedura", explica Román Rey González,  sarxento en funcións no parque de bombeiros de Arzúa

Efectivos do Seprona e de Augas de Galicia acudiron ao sitio ante o risco de contaminación do río dos Bouzos. Despregaron unha barreira de contención para minorar o impacto do leite e en prevención de que na retirada do camión houbese algunha fuga de gasóleo.

Seis horas despois do sinistro agardábase a chegada dun guindastre. A Garda Civil de Tráfico desviou a circulación por outras vías.

 

Noticias web

19/08/2021