CRTVG

Buscar

Envían a prisión o último detido acusado do crime de Samuel Luiz

Publicado o 29/09/2021 16:47

Foto: EFE/Cabalar

O titular do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña acordou esta tarde o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do último detido acusado de participar no crime de Samuel Luiz na madrugada do 3 de xullo na Coruña.

Este último arrestado é o sétimo acusado. Era amigo dos outros seis detidos e non coñecía á vítima. Foi detido na tarde do martes pola Policía Nacional e pasou este mércores a disposición xudicial. Está investigado por un delito de asasinto

O acusado acolleuse ao dereito a non declarar. O xuíz decidiu o ingreso en prisión entendendo que existe risco de fuga.

Con el son cinco os adultos acusados de participar no crime, dos que catro están en prisión provisional. Ademais hai tamén dous menores investigados. 

A Policía Nacional entregou xa no xulgado toda a información complementaria derivada do baleirado dos teléfonos móbiles para incorporala á instrución. "Con iso esperamos que se poida pechar a investigación, aínda veremos se hai algún acontecemento máis, pero a policía fixo o seu traballo", explicou o delegado do Goberno, José Miñones. 

Tras a negativa das autoridades dos Estados Unidos a comisión rogatoria por parte do xulgado solicitando a Facebook os datos dos móbiles presuntamente borrados polos investigados estase a elaborar un novo documento para tratar de conseguilos. Aí estarían probablemente as pezas que faltan para encaixar todo o crebacabezas do caso e poñer punto e final á investigación.

Noticias web

29/09/2021