CRTVG

Buscar

Ao Entroido xa non hai quen o pare nos próximos sete días

Publicado o 21/02/2020 14:42

Chegan os días grandes do Entroido. 

En Viana do Bolo, hoxe os protagonistas son os máis cativos que saíron ás rúas cos seus mellores disfraces. Os maiores despois da intensa festa de onte nas comadres, recuperándose pero con folgos suficientes como para saír cos folións e percorrer cada recuncho. Tambores e aixadas que anuncian que xa están aquí os días grandes do Entroido. Os veciños de Viana participan nunha festa declarada de interese turístico de Galicia onde un dos maiores reclamos son os boteiros. Festa en Viana, pero tamén noutros moitos recunchos da provincia. Houbo desfiles de nenos en Xinzo de Limia e tamén na capital da provincia.

Ante a atenta mirada dunhas veteranas moscas, desfilan en Xinzo de Limia todo tipo de ocorrencias de pequena estatura.

As mouras pandeireteiras da Limia levan acompañamento musical. Lémbrannos as lendas desta comarca agraria, moi ligada aos misterios da terra.

Tamén viñeron os troteiros de Bande amosar o seu traxe tradicional. Máis de 1.500 cativos da comarca participan neste desfile onde prima, sobre todo, a fantasía.

Moi concorrido estivo tamén o primeiro desfile infantil de Ourense. Arredor de 1.700 cativos de varios colexios da cidade animaron as rúas da zona vella.

Hoxe aos maiores tócalles repoñer folgos, porque a noite de comadres deu para moito. En Verín milleiros de mulleres ateigaron os restaurantes cos disfraces máis elaborados. 

Olga leva 30 anos asistindo ás comadres e como animadora non hai coma ela. Festa e desmesura. Un ambiente que cativa e deixa abraiadas as que participan por primeira vez.

O Entroido converte cada Xoves de Comadres, desde hai máis de 30 anos, na noite máis especial do ano.  

Arredor das doce da noite a festa trasladase á Casa do Escudo. Alí os cigarróns escoltarán a don Carnal e a raíña do Entroido. 

Xuntos percorren en procesión as rúas da vila ata a praza Maior onde lles darán a benvida aos días grandes da festa. Agora si, xa estamos no Entroido e chegou para explotar esta fin de semana. 

Hai dúas citas gastronómicas: a Festa do Cabrito en Vilariño e a da Androlla en Viana. Ademais, veremos saír as máscaras dos principais entroidos, moitos deles declarados de interese turístico. Sairán os boteiros de Viana e Vilariño, os felos de Maceda, os troteiros de Bande. No triángulo máxico que conforman as localidades de Xinzo, Verín e Laza. 

En Laza é a estrea dos peliqueiros, en Verín os cigarróns e en Xinzo haberá ambiente de disfraces e música e charangas pola rúa ao longo de toda a xornada e ata ben entrada a madrugada. Ata que o corpo aguante.

 

 

 

 

Noticias web

21/02/2020