Xulio Ferreiro: "Na miña cabeza non está agora mesmo lanzar ningún tipo de candidatura"
Xulio Ferreiro, ex-alcalde da Coruña, profesor de Dereito Procesual e que segue sendo un referente no que se deu en chamar o municipalismo asegurou este luns no 'Bos días' sobre a súa posible volta á primeira liña política que "non teño a cabeza niso. Estou centrado na miña carreira académica e sempre disposto a botar unha man á unha alternativa progresista. Aí estou a disposición de axudar pero na miña cabeza non está agora mesmo lanzar ningún tipo de candidatura".
O que si dixo é que está a disposición para traballar "polo cambio": "Estarei onde se me necesite. Creo que o espazo do cambio tivo mellores resultados cando puido construir alternativas amplas que acollesen partidos de corte nacionalista".
E reflexionou sobre como as persoas que encabecen esa alternativa: "Hai moitos referentes. Esa non é a cuestión básica. A cuestión básica é conformar unha alternativa seria, crible e ilusionante para a xente". Non obstante, dixo que é preciso que se dean pasos sen agardar e "despois falar das persoas que lle poñen cara a esa alternativa. Hai que facer as cousas no seu tempo e canto antes se avance mellor para non dar imaxe de que se fai todo a última hora".
Para Xulio Ferreiro, "temos os mesmos problemas que cando Feijóo foi investido por primeira vez presidente. Botamos en falta un goberno que sirva os intereses de Galicia".
E sobre a súa etapa como alcalde asegura que garda un bo recordo: "Para min foi un orgullo e non teño resquemor. Houbo momentos duros pero o balance dalguén que foi alcalde é de orgullo e satisfacción. Cando empecei non imaxinaba que ía ser alcalde nin candidato. Sigo coa mesma disposición para o que precisen. A xente que se mete en política é para servir os demais. Non busco outra cuestión".