CRTVG

Buscar

Vázquez Lima: "Haberá cuarta onda. A intensidade dependerá do respecto das medidas"

Publicado o 31/03/2021 11:58

O doutor Tato Vázquez Lima, membro do comité de expertos que asesora a Xunta na xestión da pandemia, pensa que a cuarta onda "vai chegar", pero a súa intensidade dependerá do "respecto das medidas" de distanciamento social e hixiene.

Asegura que o principal problema é a gran transmisibilidade da variante británica, que en Galicia representa máis do 90 % dos casos. Porén, confía en que a chegada do bo tempo favoreza as actividades ao aire libre e a campaña de vacinación avance máis rápido nos vindeiros meses. "Eu teño expectativas de que en abril ou maio cheguen doses dabondo para dar un salto de calidade", afirma.

Insiste en que Galicia afronta a Semana Santa nunha situación de estabilidade, pero non se pode baixar a garda. Sobre todo, agora preocupa a área sanitaria de Vigo, onde se detectou un "pequeno incremento" de casos polo aumento das interaccións sociais.

Segundo explica o xefe de urxencias do Hospital do Salnés, as cifras na cidade olívica non son alarmantes. De feito, a súa incidencia coincide practicamente coa rexistrada na Coruña. Porén, queren extremar a vixilancia para que non suceda o mesmo ca despois do Nadal, cando se viviu un dos momentos "máis duros".

Para estes días, recomenda evitar espazos pechados, distanciamento social, lavado de mans e o uso da máscara, tamén na praia, sobre todo onde se acumula moita xente.

Certificado de vacinación

Considera que o pasaporte de inmunización achega unha información moi útil, pero quere deixar claro que as vacinas non son esterilizantes. "Non impiden que eu me poida contaxiar ou poida transmitir o virus durante un tempo. O que impiden é padecer unha doenza grave", insiste.

Lei de saúde pública

Respecto ao recurso contra a Lei de saúde pública galega, matiza que o texto non obriga a cidadanía en xeral a vacinarse, senón só en determinadas circunstancias en que exista un risco importante para a poboación. "Foi o caso dunha residencia en que a familia dun usuario non quería que se vacinase, o que suporía un risco para un colectivo de 50 ou 60 persoas", explica.

Incidencia 0

Vázquez Lima, tamén presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES), ve complicado chegar nestes momentos a unha incidencia 0. "Habería que formular unha estratexia distinta, global en toda Europa" para estar nesa situación que lograron países como Australia ou Nova Zelandia.

Agora, o que desexa é "avanzar na vacinación" para comezar o outono cunha inmunización de grupo salientable e poder "afrontar o futuro con máis esperanza".

Noticias web

31/03/2021