CRTVG

Buscar

María Dolores Fernández Galiño: "Asumo o reto para traballar no recoñecemento dos dereitos dos galegos"

Publicado o 08/08/2019 10:58

No tempo da entrevista, Ana Celia conversa coa valedora do pobo, María Dolores Fernández Galiño.
No discurso de toma de posesión do cargo, a nova valedora salientou a súa "independencia como capital persoal" e "o feminismo e a loita contra o maltrato como bandeira".

Lembrando estas palabras, Fernández Galiño reitérase: "Hai que volver falar de feminismo e de violencia contra a muller, porque a discriminación dáse de moi diferentes formas. Ata hai pouco, ata nos protocolos de diagnóstico de infarto de miocardio, que era totalmente masculino, e como os síntomas das mulleres non coincidían podían mandala para casa cun diagnóstico de lumbalxia, e a muller acababa falecendo dun infarto. É o que pasa coa fibromialxia, é unha enfermidade que no 90% eran mulleres e non está suficientemente estudada, ata o 92 non se considerou unha enfermidade. Cando comezaron a valorar esta enfermidade, as porcentaxes xa son case do 50% de homes e mulleres".

"A igualdade na lei existe, pero a estrutura social que sustenta a desigualdade persiste. A loita contra esa desigualdade é unha loita transversal. Haberá igualdade cando as aspiracións e necesidades da muller sexan consideradas do mesmo xeito no dereito, nas políticas públicas e tamén na cidadanía ao mesmo nivel que as aspiracións e necesidades dos homes".

"A Valedoría tampouco pode ignorar esa realidade. Hai uns dereitos fundamentais, pero a igualdade e a dignidade establécense na Constitución como antesala dos dereitos fundamentais".

"Asumo o reto coa mirada de traballar no día a día a prol da cidadanía galega para o recoñecemento dos seus dereitos (...), na loita polo dereito das mulleres (...), hai que seguir traballando polas persoas con algún tipo de discapacidade, hai que lle fomentar a vida independente e non conformarnos co aspecto asistencial (...)".

"Con trinta anos na xudicatura, a independencia está garantida. Constitucionalmente, non temos posibilidade de pertencer a partidos políticos ou sindicatos (...), é que non sei actuar doutro modo".

Dúas mulleres a fronte da valedoría, Fernández Galiño e María José Porteiro: "Estase conformando un equipo moi dinámico (...), nun proceso transformativo porque a sociedade tamén é transformativa, e que ten o obxectivo de solucionar problemas".





 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/08/2019