CRTVG

Buscar

"O gandeiro non quere subir o prezo, quere unha renda digna, e iso só pode vir de vender máis caro ou reducir os custos de produción"

Publicado o 07/02/2020 10:32

Roberto García, secretario de Unións Agrarias, falou este venres da situación do agro galego en medio das mobilizacións que nas últimas datas comezaron noutras comunidades. Aquí, principalmente o problema está no ámbito da produción láctea: "Hai sete meses de diálogo aberto coa industria para negociar o leite e as mobilizacións dependerán da evolución. As tres organizacións de Galicia mantemos a unidade de acción e concretaremos a posibilidade de retomar protesta en función da evolución desta mesas". 

"A mobilización ten que ser un instrumento, non un fin, pero non descartamos que de xeito inmediato poidamos falar do noso propio calendario de protestas", explicou o responsable de Unións Agrarias.

Para Roberto García o salario mínimo non é un problema no campo: "Usar o salario mínimo por parte dos empresarios é unha cousa, convertelo no problema, outra. Non tivo efecto porque aínda non se aplicou. E no caso de Galicia, os soldos que se lle pagan os traballadores son superiores".

Para el, "o gran problema é a capacidade de negociación. Eu teño un produto perecedoiro que o vendo como me dicen ou o teño que tirar. As marxes comerciais na cadea sobre todo en froita e hortalizas. Hai un 700 por cento entre o que cobra un agricultor de Xinzo por un quilo de pataca e o que paga o consumidor".

"No caso do leite, -explicou Roberto García-, o prezo vén dado pola marca branca da distribución, que lle impón un prezo á industria, e a industria acomódase e repercútellelo aos gandeiros. En vez de loitar por poñerle un prezo, trasládase o da distribución. Nos últimos seis anos o prezo de venda ao consumidor non variou aínda que o gandeiro lle subiron os custes de xeito permanente".

"Se os produtores estivésemos máis organizados sería máis doado. Pero no caso do leite é un sector que está autorizado a negociar de xeito colectivo. En Galicia, ligada a Unións Agrarias hai unha organización de produtores lácteos que pode negociar: máis de 2.000 gandeiros. Pero, aínda así, cando sentamos dinnos ou asinamos o acordo que nos dan ou non recollen. Por iso queremos negociar con árbitros públicos para equilibrar a negociación e que os custos sexan determinantes para empezar a construír o prezo".

"O gandeiro non quere subir o prezo, quere unha renda digna, e iso só pode vir de vender máis caro ou reducir os custos de produción", concluíu Roberto García. 

Sobre a negociación da política agraria, dixo que "a PAC é importante para España, pero para Galicia é vital. Moitas das explotacións de carne e leite, polos prezos á baixa. Temos prezos do 87 e custos do 2020 e practicamente o que lles queda a moitas explotacións son estas axudas".

E avanzou: "Hai un primeiro dato preocupante: pretenden que haxa menos orzamento; e un segundo dato é esperanzador: que poidamos repartir doutro xeito os cartos que veñen a España. Hai case 700.000 perceptores por ser propietarios de terra e menos de 400.000 agricultores e gandeiros que viven e traballan as terras. Se decidimos que só perciban axudas estes poderemos conseguir que aínda que veñan menos toque a máis".

Noticias web

07/02/2020