CRTVG

Buscar

Manuel Julio Meléndez: "Nós estamos para recadar, para recadar vidas"

Publicado o 14/08/2019 10:31

Sobre a magnitude da operación especial de tráfico da ponte de agosto falou este mércores no Bos Días o tenente da Garda Civil, Manuel Julio Meléndez, "a DXT ten unha previsión feita de 7.700.000 deprazamentos en toda España, dos cales o 12 por cento estímanse que serán en Galicia", afirmou.

"Só nesta semana, desde mañá ata o 18 cóntanse máis de 120 festas en distintas parroquías, a Festa da Auga, Ordes, Melide... en moitos deses casos -di o tenente Meléndez- os usuarios rebaixan os niveis de seguridade porque son rutas coñecidas, traxectos curtos... e como se adoita dicir malo será, pois malo é, e se vai acompañado da inxesta de determinadas substancias, pois..."

Ao mesmo tempo nestes momentos está en marcha unha campaña para o control da velocidade. "É unha campaña a nivel europeo, que dura desde o 12 ao 18 e incrementamos os controis específicos de velocidade, e aínda que se repite ao longo do ano os resultados son bastante parecidos", asegurou.

E é que a velocidade parece que aínda non é un factor que os condutores asuman como un risco nas estradas. "Que unha estrada estea en bo estado non significa que se deba ir máis rápido, non son para correr máis. Cos vehículos pasa o mesmo, superar os límites é fácil" afirmou o tenente.

Cando se lle plantexa a idea que moitos usuarios da estrada manexan dos axentes de tráfico como recadadores, Meléndez é rotundo: "Nós estamos para recadar, para recadar vidas. Non podemos asumir que todos os anos morran máis de mil persoas nas estradas e pensemos que é normal. Detectamos condutas que son totalmente antisociais. Non se poden tolerar, acosar uns condutores a outros, ir mirando a pantalla do teléfono móbil..."

Nese traballo xurdiu un inimgo nos últimos anos, as aplicacións que advirten da presenza de controis ou radares. "Nós estamos en contra delas -asegura o tenente Meléndez-. Non fan un favor á sociedade porque menoscaban o traballo dos axentes. Os promotores destas aplicacións din que é unha forma de informar aos usuarios polo ben da seguridade, pero conseguen o contrario".

E en canto ao futuro os controis será cousa do ceo. "Os drons están todavía en período de probas, a Galicia aínda non chegaron, pero sen dúbida ningunha son o futuro como medio de vixilancia", afirmou.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/08/2019