CRTVG

Buscar

Susana Bayo, investigadora da Universidade de Vigo: "O clima nunca volverá ser coma no pasado"

Publicado o 17/01/2020 10:36

"Non estamos sendo alarmistas, os datos están aí: 2019 é o segundo ano coa temperatura máis alta dende que se teñen rexistros", subliña a investigadora da Universidade de Vigo Susana Bayo, que lembra a urxencia de actuar contra o cambio climático. 

Só 2016 foi máis quente, e cada década que pasa é máis quente ca anterior. Bayo non ten dúbida de que a causa disto está no noso modo de vida e aprema os políticos a actuar, a facer que se reduzan as emisións.

"Hai países que xa están tomando as súas propias medidas para previr os efectos da suba do nivel do mar, que será dun metro en California, por exemplo".

A investigadora chama a cambiar tamén o noso consumo de auga.

"A auga doce será máis escasa cada vez. Debemos aforrala. A auga doce é o maior tesouro deste século".

Bayo lembra que, segundo os informes do IPCC (Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático"), somos dos europeos que máis imos sufrir as consecuencias da alteración da temperatura.

"Prevese un aumento de ata 4 graos de temperatura media nalgúns puntos da Península Ibérica entre 2050 e 2080, de seguir neste ritmo actual de emisións".

Para esta experta o negacionismo é cientificamente incongruente, e sinala que non existe nada que poña en dúbida que o quecemento global é por causa humana, polas emisións de gases de efecto invernadoiro.

"Atribuílo a outras cuestións fai que non poñamos o foco no verdadeiro problema e por onde debemos atacalo, que é cambiando o noso xeito de vida".

E afirma con contundencia: "Levamos 200 anos vivindo dun xeito que temos que cambiar en 10 anos". Con todo, aínda cambiando xa os nosos hábitos, "o clima nunca volverá ser coma no pasado".

Noticias web

17/01/2020