Rubén Rúa: "Serán os tribunais españois os que determinen as consecuencias, como pretendiamos"
Rubén Rúa Prieto, avogado, explica como vai afectar a sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo aos consumidores que teñan contratada unha hipoteca referenciada ao IRPH.
"Esta sentenza vai permitir que moitos dos galegos, hai afectados máis de 30.000, poidan ver aplicadas unhas reducións nas súas hipotecas e unha devolución das cotas que pagaron en exceso", explica Rubén Rúa, e engade: "Os bancos, amais do euríbor, que é o índice de referencia europeo, comercializaban hipotecas referenciasdas ao IRPH, que era o índice medio dos préstamos hipotecarios. O IRPH, ao non estar fixado por unha institución oficial, aínda que era moi estable non había porque aplicarlle baixadas. Por exemplo, as últimas baixadas, dos últimos anos, do euríbor non se viron reflectidas".
Para este avagado,"os clientes, o primeiro que terían que facer é coller as escrituras da hipoteca, que poden estar canceladas ou vencidas, e revisar se na parte do tipo de interese aparece algo similar a índice de referencia de préstamos hipotecarios IRPH ou polo menos comprobar que índice están aplicando. Se non é o euríbor, o normal sería acudir a un avogado para facer unha pequena estimación do importe que lle terían que devolver e se lle compensa emprender accións xudiciais".
"Nos últimos anos, os bancos xa estaban ofrecendo acordos aos clientes como substituír o IRPH por outro índice pero renunciando ás accións xudiciais. Éste martes é un camiño que hai que comezar, non a solución definitiva", aclara.
"Serán finalmente os tribunais españois os que valoren as consecuencias dese abuso, como pretendiamos. Os tribunais farano unha vez que se denuncie e analicen caso por caso. Xa hai moitos clientes que comezaron a informarse no mes de setembro", explica o avogado.