José Luís Mira: "O 92 % do alumnado que remata a FP dual ten traballo"
A Xunta de Galicia está rematando de perfilar a oferta da Formación Profesional Dual para o vindeiro curso. Segundo o secretario xeral de Educación e FP, José Luís Mira Lema, "o 92,5 % do alumnado que remata estes ciclos está integrado no mercado laboral".
Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, anuncia que a nova oferta vai ser superior á actual porque está a ter moi boa acollida no eido empresarial. "Na FP Dual, ata o 50 % da formación realízase nos centros de traballo", lembra, "polo que o empregador ten a posibilidade de captar" o persoal con máis competencias.
En termos xerais, Mira considera que a Formación Profesional segue en auxe polo seu alto "nivel de inserción laboral". Subliña o incremento do alumnado, que pasou de 33.000 a 56.000 en doce anos, mentres que no bacharelato se mantén nos 36.000. Ademais, pensa que tamén se está a converter nunha vía de acceso ao mercado laboral para persoas universitarias. De feito, arestora hai matriculadas máis de 2.000.
Asegura que o alumnado se decanta polas ramas de administración e xestión, sanidade e informática. Porén, hai outros ciclos con máis saída laboral relacionados "coa actividade física e deportiva ou coa edificación e a obra civil", explica.
O secretario xeral de Educación e FP aposta por un sistema único a nivel europeo para facilitar a mobilidade entre países e agradece a implicación das compañías galegas no desenvolvemento de plans formativos en común. "Moitas empresas acoden aos centros de FP á procura de persoal, pero ás veces non hai titulados suficientes", remarca.