Alfonso Rueda: "Galicia vai subir moitos enteiros nas preferencias turísticas"
O vicepresidente primeiro da Xunta confesa que está "sorprendido" co aluvión de solicitudes para adquirir o bono turístico 'Quedamos en Galicia'. Dende que se abriu o prazo ás 00.00 horas deste mércores, asegura que se tramitaron "150 por minuto", é dicir, máis de 10.000 en menos de doce horas.
Nunha entrevista no informativo Bos días da Televisión de Galicia, Alfonso Rueda, tamén conselleiro da Presidencia, Xustiza e Turismo, considera que este éxito dá conta das ganas de viaxar da poboación galega. E tamén do acerto do programa que, a este ritmo, hoxe mesmo podería "esgotarse, polo menos na previsión inicial".
Con máis de 100.000 persoas en agarda para poder reservar un bono, Rueda pide paciencia e abre a porta a formular unha edición máis para poder atender a demanda. Nas dúas primeiras, mobilizáronse case 7 millóns de euros para o consumo turístico en Galicia.
Pensa que "o sector precisaba este arranque" logo de moitos meses duros de "peches e coa imposibilidade de traballar". Porén, agarda que esteamos xa no "principio da fin" grazas ás medidas restritivas e ao avance da vacinación. Neste sentido, insiste na necesidade de continuar adiante "con pasos pequenos pero firmes e seguros".
"Temos unha enorme oportunidade"
De cara ao futuro, o vicepresidente estima que, tras a pandemia, se abren novas portas para o turismo galego. Na súa opinión, mudou o xeito de viaxar e agora a xente "busca natureza, espazos abertos e unha seguridade que nós podemos ofrecer aquí con garantías".
"Temos unha enorme oportunidade nesa novo xeito de facer turismo" porque "non temos esa masificación doutros destinos tradicionais", salienta. "A partir de agora, Galicia vai subir moitos enteiros nas preferencias turísticas", asegura, "e o Xacobeo 2021 é un engadido".
Visitas ao Pórtico da Gloria
Respecto ao novo plan de visitas ao Pórtico da Gloria que se presenta hoxe, Rueda considera que é unha mostra máis de que "todo empeza a espertar". Polo momento, contará cun réxime estrito de acceso que, segundo anunciou, vai ir alixeirándose para que "en dous ou tres meses as visitas sexan máis xeneralizadas".