CRTVG

Buscar

Julio Barreiro (Arela): "Buscamos familias que acollan adolescentes do programa Convive.comigo da Xunta"

Publicado o 06/08/2019 11:20

Familias galegas reciben formación para acoller menores que teñen contas pendentes coa xustiza. Falamos do programa Convive.comigo, o proxecto que nace co obxectivo de que estes rapaces eviten os centros de menores, para que se integren nunha familia. Este programa conta co financiamento de Política Social.

No Bos días falamos con Julio Barreiro, director do colectivo Arela, que leva máis de 20 anos traballando para que estes mozos e mozas se integren nunha familia.

"En setembro comezamos unha nova quenda de formación, imprescindible para formar parte do programa. Facemos este chamamento de novo para que nas provincias de Pontevedra e A Coruña contacte con nós xente que estea interesada no programa, empezar unha relación e ver se é viable facer esta formación básica".

Os requisitos básicos para ser unha familia acolledora son "ser maior de idade, ter estabilidade emocional, ter unha vivenda dispoñible para a convivencia cun adolescente, estar disposto a traballar en equipo e, sobre todo, xente que poida conectar cun adolescente e que aposte temporalmente por esta convivencia cun adolescente en dificultades".

"Coa túa intervención podes provocar cambios nun adolescente, no día de hoxe e tamén no futuro".

"As esperiencias que tivemos ata o momento destacan o positivo da experiencia. Cos medos iniciais, que son lóxicos, pero unha vez que se finaliza hai un resultado cunha compeñente de satisfacción".

"Fixen unha aposta, saíume ben e vexo que o adolescente ten unha relación comigo e vexo que na casa están funcionando as cousas bastante ben. Isto é realmente o satisfactorio do programa".

"Os menores seguen mantendo contacto coa súa familia de orixe, para tentar restablecer canto antes unha convivencia normalizada no seu domicilio de orixe".

"A convivencia dura 9 meses ou un ano aproximadamente". "Estas medidas están pensadan para menores que están pasando por un momento de conflito familiar. Por iso é importante introducilos en familias máis estable e con pautas, liñas coherentes educativas, para que se produza unha aprendizaxe".

"Pódense poñer en contacto con nós a través do número de teléfono 986212537 ou ben a través do correo electrónico convive@arela.org".

Noticias web

06/08/2019