CRTVG

Buscar

Rafael García, profesor de Relacións Internacionais: "O que se negociou ata o de agora co Reino Unido foi un acordo de retirada"

Publicado o 05/09/2019 10:19

Esta mañá estivo no Bos días Rafael García, profesor de Relacións Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, para comentar como pode afectar un brexit sen acordo a Galicia e España.

Rafael García afirmou que a situación é complexa, xa que "o Reino Unido decidiu libremente retirarse da Unión Europea e agora non saben como levar a cabo esa execución".

Sobre as prórrogas, dixo que "non semella que este tempo gañado permitira aclarar a situación do procedemento para acadar esa saída". 

Así mesmo, tamén engadiu que a negociación que se levou a cabo coa Unión Europea "non foi referendada polo Parlamento británico" e que este tampouco propón unha alternativa.

Nesa situación de bloqueo propúxose unha "saída sen acordo". Pero, dixo Rafael García que "un brexit ás bravas implica uns custos económicos e un shock político", que é o que se vai tentar evitar.

Durante a entrevista tamén se mencionou que España é un dos países máis afectados por un brexit sen acordo, polo caso de Xibraltar ou da gran cantidade de británicos que residen aquí.

As consecuencias poderían afectar o turismo, o comercio e as exportacións agrarias.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/09/2019