CRTVG

Buscar

María Pereira: "A radicalización discursiva da oposición pode reforzar a estabilidade da coalición de goberno"

Publicado o 10/01/2020 11:22

María Pereira, profesora de Polítia e Comunicación na Universidade de Santiago, reflexionou no 'Bos días' sobre a formación do novo goberno. Para ela, "de entrada todas as nosas preguntas parten da nosa falta de hábito de ter gobernos de coalición no ámbito estatal, pero en xeral a cultura da coalición é a máis común nos sistemas parlamentarios".

"Son dúas formacións desiguais, en tamaño e en termos programáticos. O protocolo que asinan pretende resolver as disonancias que poidan xurdir", asegura a profesora Pereira sobre o pacto asinado polo PSOE e Unidas Podemos para atallar as disputas que poidan xurdir. 

"Teñen que evitar a toda costa o intento da diferenciación, que normalmente vén dada polo feito do temor de que o socio maioritario invisibilice ao minoritario, e por iso as veces intentan singularizar a súa acción do Goberno", asegura a politóloga como recomendación para o novo Goberno.

"O disenso tamén, ás veces, xorde nos gobernos monocolor. É certo que neste necesariamente vai haber esas contradicións", di María Pereira, quen cre que "se o multipartidismo persiste os gobernos de coalición van ser algo natural no noso sistema", polo que cidadáns e partidos teñen que afacerse a esta nova situación.

Finalmente, para ela "a inestabilidade e a radicalización discursiva da oposición pode reforzar a estabilidade da coalición", polo que o mellor pegamento para o novo Executivo de Pedro Sánchez pode vir precisamente da man dos seus adversarios.

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/01/2020