CRTVG

Buscar

Julio Castro, director do parador de Muxía: "Estamos traballando para abrir en Semana Santa"

Publicado o 28/01/2020 10:40

Julio Castro, director do Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela nos últimos doce anos, foi entrevistado esta mañá no Bos días para falar sobre seu novo destino profesional, o Parador de Muxía, que se inaugurará proximamente e constitúe o décimo terceiro establecemento en Galicia da rede de Paradores.

"O Parador en si mesmo interpretará toda a Costa de Morte, que todos aqueles turistas coñezan perfectamente o destino visitando o Parador", expuxo Castro, que agarda poder dedicarse en breve xa unicamente a este novo proxecto, pois a obra e acondicionamento do novo establecemento está rematando e actualmente está na fase de decoración: "O proxecto de decoración é complicado porque está todo moi deseñado e adaptado ao edificio. Quérese interpretar todo o que é a Costa da Morte coa decoración e con todo o equipamento que imos facer!. O seu obxectivo de apertura é claro: "Estamos traballando para abrir en Semana Santa", dixo.

"Sabemos de onde vén a orixe deste Parador. A partir da catásfrote do Prestige o Goberno decidiu tomar medidas para impulsar a economía, e unha delas foi o Parador", antes de dicir que afronta este novo destino con moita positividade: "Estou seguro de que imos formar un equipo moi bo na Costa da Morte".

Ao preguntarlle sobre os retos do sector turístico en Galicia, Castro respondeu: "A desvantaxe do turismo en Galicia é a estacionalidade", pero "trataremos de desestacionalizar o máximo posible, queremos que os que veñan coñezan a Costa da Morte de forma sostible e respectando moito a natureza".

Castro sinalou que no novo Parador de Muxía aínda non están abertas as reservas, "pero si temos moitas peticións de eventos", asegurou. "Se en Galicia faltaba un Parador, tiña que ser na Costa da Morte, porque desde Cambados ata Ferrol non hai ningún Parador", sinalou, e esta obra tamén "vai cambiar moito o turismo" porque "vai haber moitas nacionalidades e moitos turistas que antes non coñecían a Costa da Morte", sentenciou.

Noticias web

28/01/2020