CRTVG

Buscar

Ángel Mato: "A miña obriga é defender os intereses de Ferrol"

Publicado o 14/06/2019 10:02

O cabeza de lista do PSdeG en Ferrol, Angel Mato, que con toda probabilidade será a partir deste sábado alcalde de Ferrol, asegurou esta mañá no Bos días que espera que o próximo sexa "un goberno estable. Con toda a humildade tratarei de ser un alcalde para todos e todas, atendendento ao que as urnas dixeron hai unhas semanas".

Logo de pechar un pacto cos partidos da esquerda, Ferrol en Común e BNG, xa está todo listo para que suceda na alcaldía a Jorge Suárez. Pese a todo, amosase cauteloso: "É cedo e hai que respectar os tempos, pero creo que non haberá sorpresas, e mañá se todo vai como está previsto serei alcalde de Ferrrol".

Sobre as necesidades da cidade, unha das cuestións que destacou como fundamental é conseguir a revitalización da Armada e Navantia, para o que se precisa a implicación do Executivo de Madrid.

"Eu creo que son quen de facer esa interlocución co Goberno central, a miña obriga é defender os intereses de Ferrol", afirmou Ángel Mato, "pero non só ante a Administración central, senón tamén a Xunta ou a Deputación".

Respecto ás súas relacións co Partido Popular, que vai liderar a oposición, asegurou que "xa dixen en máis dunha ocasión que a política consiste en dialogar e chegar a acordos, e é o que reivindico. Polo tanto un partido como o PP que tivo un gran resultado en Ferrol ten que participar das grandes decisións que teñen que ver co futuro da cidade. Non sería un bo alcalde se non tivese en conta a Xosé Manuel Rey Varela".

E sobre o entendemento cos grupos que van apoiar a súa investidura afirmou que "o importante é que cada un de nós sexamos conscientes de que na política hai unha diferenza entre facer unha proposta e despois levala a práctica, hai que buscar as complicidades". E sobre a inclusión dos concelleiros desas formacións no futuro goberno da cidade dixo que "polo momento non está pechado, pero ese sería o meu desexo para poder contar cun goberno estable, contando coas outras dúas forzas políticas da esquerda. Algo xa se foi falando, pero a partir do sábado iremos traballando niso".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/06/2019