CRTVG

Buscar

Mariló Candedo: "Estamos priorizando as conversas coas forzas de ámbito galego"

Publicado o 29/01/2020 10:28

Mariló Candedo, nova deputada do Grupo Mixto (En Marea) no Parlamento de Galicia, foi entrevistada esta mañá no Bos días sobre a súa incorporación como parlamentaria en substitución de Manuel Lago, ata agora voceiro do grupo, que se incorpora ao Ministerio de Traballo como asesor de Yolanda Díaz. O destino de Candedo non será o Grupo Común da Esquerda, senón o Grupo Mixto, con Luís Villares e os demais deputados de En Marea.

A deputada afirmou que En Marea solicitará o recoñecemento para formar un grupo propio neste último tramo da lexislatura: "A intención é solicitalo e actuar como o que somos, o grupo de En Marea no Parlamento de Galicia con cinco persoas".

Ao preguntarlle sobre a posible data das eleccións autonómicas, Candedo respondeu: "É difícil que eu poida resolver ese enigma", xa que "antes se pensaba que se ían adiantar, pero o propio voceiro do Partido Popular dixo que ían esgotar a lexislatura", engadiu. Na mesma liña, e respecto da fórmula de En Marea para concorrer á cita coas urnas, a deputada sinalou: "Estamos priorizando as conversas coas forzas de ámbito galego, e pensamos que pode haber algún acordo preelectoral, e tamén queremos contar con acordos postelectorais con outras forzas". Segundo Candedo, ningunha forza sobra para "desbancar a dereita do Goberno de Galicia".

En canto ao debate da débeda do IVE do Estado con Galicia, a deputada expuxo: "Aquí habería que retrotraerse a Montoro e a por que se producen estas cuestións. Cando se está no poder ou na oposición xóganse papeis distintos", porque "agora reclamamos o que o propio Partido Popular deixou como deixou".

Noticias web

29/01/2020